A asociación Proxecto Trasno, en colaboración coa OSL da Universidade de Santiago de Compostela, vén de anunciar que, co obxectivo de formar á cidadanía na internacionalización e localización de software libre (facendo de paso un importante labor de dinamización da nosa lingua), vai organizar un curso de Tradución ao galego de aplicativos libres, que permitirá a localización dos programas máis importantes do software libre á nosa lingua nai.
Trátase cun curso de carácter gratuíto que se desenvolverá na Universidade da Coruña e que vai dirixido a estudantes, tradutores, desenvolvedores de software e público en xeral interesado en formarse na tradución das ferramentas de código aberto para aproveitar as vantaxes que ofrecen as mesmas nun entorno máis localizado.
As xornadas formativas, que ofrecen un máximo de 40 prazas, constan de 33 horas de duración, que son convalidables por dous créditos de libre configuración para os estudantes matriculados na UDC.
A formación virá da man de persoas expertas na materia que se consideran agora mesmo os “máximos referentes na nosa Comunidade”, entre os que destacan Enrique Estévez, coordinador da tradución ao galego do Mozilla, Antón Méixome, que fixo o mesmo labor ao mando do OpenOffice.org ou Miguel Bouzada e Enrique Estévez, entre outros.
As persoas interesadas en asistir a este curso, deberán cubrir un formulario de rexistro, habilitado aos efectos na páxina da Oficina de software libre da UDC.
O curso, que terá lugar do 16 ao 25 de novembro, desenvolverase no Edificio de Servizos Centrais da Universidade da Coruña, e, entre outras cousas, formará aos alumnos e alumnas asistentes nas técnicas de tradución ao galego, tanto na súa vertente teórica como práctica.
Entre os temas dos que se vai falar nestas xornadas, cuxo programa se pode ver na páxina web de Trasno, destacan a introdución aos procesos de localización e tradución do software, a linguaxe informática en galego, os esquemas de traballo nos proxectos de localización, os estándares de localización e o emprego de ferramentas libres de tradución asistida por ordenador.
Trasno organiza na UDC un curso de tradución ao galego de software libre
Compartir Este Artigo

