Que é Internet? Unha fonte de riscos que non se poden evitar? Unha lea para maternos en sopor, ocupados, e que non protestemos pola realidade cada vez máis adversa? Ou é todo contrario: unha porta directa á participación para mellorar o mundo? Responder estas e outras preguntas foi o gran obxectivo da xornada de portas abertas que celebrou este mércores o centro Gradiant con motivo da Semana da Ciencia 2010. A actividade, na que participaron 100 estudantes de centros galegos, centrouse en boa medida na achega de consellos para acadar navegacións seguras e recursos para saber distinguir na Rede o que tradicionalmente se coñece como gran e palla (e na Internet, como fóra dela, por desgraza abonda máis a palla có gran).
Asemade, a xornada serviu para pór de relevo que nas redes sociais de uso común ou nos servizos de mensaxeiría instantánea non todo son vantaxes, e que cómpre manter erguida a garda para evitar malas pasadas.
A actividade incluíu relatorios, obradoiros e máis un xogo de rol, todo disposto para que os rapaces aprenderan o que hai detrás da “instantaneidade e a maxia da rede de redes”, sinala Gradiant. E continúa: “Ademais de saber como funciona a Internet, recibiron diversos consellos sobre seguridade, non só sobre como evitar virus ou fraudes senón tamén sobre situacións que podan pór en perigo a súa integridade”.
Amais de todo isto, os estudantes puideron visitar as instalacións de Gradiant, onde se lles brindou a ocasión de falar cos investigadores que alí desenvolven o seu labor e máis ter contacto directo cos recursos tecnolóxicos que xorden ao seu abeiro a través dunha serie de demostracións. Nesta ocasión, informa Gradiant, tiveron un acompañante máis: Abel Caballero, alcalde de Vigo (na imaxe), que probou con eles o funcionamento dalgunhas demos, como a pantalla multitáctil.
Gradiant informou do miolo da Internet a máis de 100 estudantes
Compartir Este Artigo
