O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, na súa teima por traballar en prol duns servizos sociais públicos e de calidade, accesibles para toda a cidadanía, vai celebrar unha xornada informativa para a procura de emprego a partir do uso das redes sociais, destinada aos traballadores sociais colexiados/as e estudantes de Traballo Social que queiran aproveitar as redes sociais para entablar contacto profesional con empresas e entidades de todo o estado
A xornada, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro no hotel Torres de Compostela, dará comezo a partir das 10:00 horas, e ten como obxectivo dar a coñecer as vantaxes destas ferramentas virtuais para as relacións sociais e profesionais, así como as posibilidades que ofrece a Rede en xeral á hora de buscar emprego ou darse a coñecer no mercado laboral.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, será a encargada de abrir a xornada, logo da cal, dará comezo un completo programa de relatorios sobre o uso das redes sociais e os blogs como ferramentas de visibilidade na Rede.
Entre os relatores convidados figuran Francesc Pumarola, xefe de Área de Internet de La voz de Galicia; Alfredo Losada, avogado especialista en novas tecnoloxías e Patricia Bárcena, community manager e social media strategist, entre outros.
As persoas interesadas en asistir, deberán enviar un correo electrónico á dirección do COTSG (info@traballosocial.org) onde figure o nome e apelidos da persoa, o número de colexiado ou colexiada e o número de teléfono.
Tamén se poden poñer en contacto co Colexio a través do 981 568 100, onde os atenderán persoalmente membros da organización.
Curso para traballadores sociais sobre a procura de emprego na Rede
Compartir Este Artigo

