Co obxectivo de compartir as experiencias desenvolvidas no eido das telecomunicacións e, ao mesmo tempo, afrontar os diversos retos que xurdan nesta mateira, os representantes dos operadores de rede de Galicia (Retegal), Aragón (Aragón Telecom), Castela-A Mancha (Telecom- CLM) e País Vasco (Itelazpi), integrantes da Unión de Operadores de Red de Radiodifusión y Telecomunicaciones (UNIRED), achegáronse hoxe á sede de Retegal, en Santiago de Compostela, onde están a levar a cabo a súa reunión anual, a quinta dende a súa constitución no 2006.
Esta xornada de traballo, na que se negocia o desenvolvemento conxunto de servizos e a potenciación das redes e recursos de cada operador, foi inaugurada pola secretaria xeral de Modernización, e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
Nesta cita, os representantes dos operadores das cinco devanditas Comunidades analizarán, entre outras cousas, a situación da TDT, o dividendo dixital, os plans de extensión da banda larga ou a implantación de redes de emerxencia TETRA.
Outro dos obxectivos da xornada será o de establecer unha plataforma dixital que permita a colaboración efectiva de todos os membros do grupo, así como establecer observadores tecnolóxicos que permitan a avaliación das novidades desenvolvidas no eido das telecomunicacións.
Estas ferramentas de colaboración e observación permitirán, segundo informan dende a entidade pública, “potenciar a cooperación entre as empresas, nun momento en que diversas tecnoloxías que marcarán o futuro das telecomunicacións se encontran en forte desenvolvemento”. “Tratase de novos servizos e tecnoloxías”, engaden “no eido da radiodifusión ou as chamadas Redes de Nova Xeración tanto sen fíos como de fibra óptica”.
Compostela acolle a reunión anual dos operadores de rede, radiodifusión e telecomunicación, UNIRED
Compartir Este Artigo

