Semella que a entrada de Apple no eido dos videoxogos non foi un experimento. Segundo se conta na Rede a raíz dun estudo feito por Nielsen, os ingresos que está a percibir a multinacional con esta nova estratexia son como unha boa chuvia de outono, con temporal incluído. Amais disto, a investigación da consultora certifica a boa man que Apple semella ter coa rapazada: segundo o estudo, os nenos prefiren os trebellos da dita compañía (iPhone, iPod Touch ou iPad) ás consolas portátiles que son a gran aposta da xente de Sony ou Nintendo.
A enquisa, feita sobre unha base de cativos de EE UU con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, testemuña que o produto máis arelado dentro do eido da electrónica de consumo é o tablet de Apple, que acaparou un terzo das respostas, e todo iso malia o seu perfil máis ben profesional e ao reducido da súa oferta de xogos. Logo veñen o iPod Touch e o PC (empatados no 29%) e, en terceira posición (cun 25% de preferencias) a Nintendo DS, a DSi e a DSi XL. Nos últimos postos figura a PlayStation Portable.
Os nenos prefiren os trebellos de Apple
Compartir Este Artigo
