Mañá martes, día 30 de novembro, vai ser unha data sinalada no calendario dos polígonos industriais de Castiñeiras no Concello de Bueu e de Monte Afieiras no Concello de Moraña, xa que dende entón disporán de Rede WiMAX para acceder a Internet dende as empresas situadas neles.
Os concellos incorpóranse ao proxecto WiMAX en polígonos industriais e parques empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para paliar, segundo aifrman, “as carencias no acceso a Internet de banda larga que hai nestes puntos”.
Dende a entidade pública afirman que, “as deficiencias no acceso a unha Rede de calidade nestas zonas provocan unha diminución considerable na capacidade das empresas alí radicadas para competir no mercado actual”; xa que logo, a chegada desta nova tecnoloxía aos devanditos núcleos solucionará os problemas de comunicación que xa arranxaron tamén outros 29 parques da Comunidade que xa teñen operativa a citada Rede.
O obxectivo deste proxecto é solucionar o acceso a Internet das diferentes empresas situadas nestes emprazamentos mediante a implantación da WiMAX, unha rede que premitirá a transmisión de datos empregando ondas radioeléctricas.
A construción das redes nos polígonos baséase en estándares e tecnoloxías que permiten alcanzar altas capacidades e garanten unha elevada dispoñibilidade do servizo. Para iso, instálase unha estación base en cada polígono e as empresas e residentes na zonas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2Mbps ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais. Igualmente, a estación permite ofertar tamén servizos de voz mediante a tecnoloxía VoIP así como contratar servizos de valor engadido como videovixilancia ou intranet corporativa.
Nestes momentos, e á marxe dos trinta polígonos que xa contan con esta rede, outros catro parques empresariais e polígonos industriais incorporaranse ao proxecto durante os próximos meses.
Dous novos polígonos industriais disporán de rede WiMAX dende mañá
Compartir Este Artigo

