Dende que no pasado mes de abril se puxera en marcha a Central de reservas en liña do Turismo Rural de Galicia, xestionada por Turgalicia, xa se adheriron a ela un total de 313 establecementos rurais do noso país, o que supón o 53 por cento do total das casas rurais galegas que, grazas á súa presenza na Rede, están a disposición de clientes de todo o mundo de maneira directa.
Nestes sete meses, este servizo on-line xestionou reservas de aloxamentos por valor de 449.152 euros, por medio de 14.637 pernoitas realizadas.
A nova central, que pasou do anterior sistema de reserva telefónico ao moderno sistema da reserva virtual ou en liña a través de Internet, está a disposición de múltiples usuarios, que reservan dende calquera parte do mundo, grazas, en parte, a que se presenta en oito idiomas diferentes.
Trátase dun módulo funcional e operativo que permite estar conectado directamente con 1.800 operadores turísticos e cuns 18.800 puntos de venda final, dos que 7.000 son españois, 6.000 son alemáns, 4.000 son italianos e 1.800 son portugueses.
A nova central de reservas funciona como multipasarela de pagos, en contraposición coa antiga, que carecía deste sistema. O software actual permite, aseamde, a posibilidade de confeccionar paquetes turísticos e comercializalos a través da plataforma, así como a posibilidade de realizar vendas cruzadas doutros servizos turísticos que sexan de interese para o turista que realiza a reserva nalgún dos aloxamentos rurais dispoñibles.
Ademais este novo software tamén se actualiza a medida que varían as necesidades e os mercados turísticos, polo que se espera que isto redunde nun aumento das reservas e mellore a ocupación e a desestacionalización do turismo rural.
A ferramenta permitirá obter automaticamente datos estatísticos que axudarán a coñecer a evolución do sector facilitando os traballos de planificación e contraste das políticas de promoción turística. Case 340 casas de turismo rural xa teñen implantado o software e están en fase de formación para unha posterior adhesión á central.
Os hosteleiros galegos apostan polas xestións en liña
Compartir Este Artigo

