A canle de televisión na Rede, Linguagalega.tv, un espazo creado por Acuarela Comunicación para a divulgación e a promoción do noso idioma, vén de presentar, da man do responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, dous novos programas nos que se afondará na situación da nosa língua e se difundirán novas iniciativas a prol da mesma.
Trátase de Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade, cos que Política Lingüística “quere contribuír a ir construíndo na Rede unha fotografía da vitalidade do galego, da situación da lingua nos diferentes ámbitos sociais, das iniciativas emprendidas pola cidadanía e polas propias institucións”, asegurou Anxo Lorenzo. “Ademais –engadiu– este espazo virtual contribúe a situar o galego na contemporaneidade dos medios e facilita a chegada de información a públicos amplos, diversos e mesmo internacionais, que sabemos que tamén seguen con interese a actualidade da nosa lingua”.
Estes dous programas veñen a complementar a oferta informativa e formativa sobre o galego que Política Lingüística ten noutras canles de chegada ao gran público, como é o caso do programa Ben falado!, que busca achegarlle o galego á sociedade de forma áxil e amena.
Linguagalega.tv afonda na situación do galego con dous novos programas
Compartir Este Artigo

