Calquera cousa que se faga en galego na vida real, pódese facer nas mesmas condicións lingüísticas no virtual. Isto é extensible ás redes sociais, un eido en liña que nos últimos tempos estase a enriquecer con todo tipo de frontes de acción xurdidas da nosa cultura, e mesmo con propostas propias como Cabozo. Na liña de informar destes logros e do potencial futuro que se ofrece dende a Internet participativa é onde se insire o curso de aproximación ás redes sociais de Internet dende o galego que se vai celebrar a vindeira quinta feira (xoves), 2 de decembro, de 18 a 20 horas, no IES Ramón María Aller de Lalín.
A actividade, que é de balde aínda que require inscrición previa, está organizada polo grupo comarcal da Mesa pola Normalización Lingüística no Deza. O curso está aberto a tódolos públicos e durará dúas horas, entre as 18 e as 20 horas, sendo impartido polo profesor de Ensino Medio Filipe Díez. O curso servirá para achegar ás e aos asistentes ás diferentes redes sociais existentes, as súas posibilidades de manexo, técnicas de privacidade, aproveitamentos e algúns dos seus segredos. Tamén se falará do grao de galeguización que cada unha das redes presenta na actualidade.
As prazas deste curso son limitadas e, por esa razón, a inscrición previa será obrigada para poder asistir. As persoas interesadas deberán dirixirse ao correo-e Luis.Couto.Lorenzo@gmail.com, indicando o seu nome e un teléfono de contacto.
Lalín acolle esta quinta feira un curso de balde sobre redes sociais dende o galego
Compartir Este Artigo
