Portos de Galicia, o ente público que se encarga de conservar e velar polo bo funcionamento dos portos do noso país (que a día de hoxe suman un total de 128), vén de achegarlle a rede Wi-Fi ás instalacións portuarias da Pobra do Caramiñal, coa que dar servizo de Internet a tódalas persoas usuarias de dispositivos electrónicos con capacidade para conectarse á Rede sen fíos.
Trátase dunha acción que a entidade pública leva a cabo no marco da súa aposta por ampliar a oferta de servizos tecnolóxicos nos portos da súa competencia, e que neste momento xa está a funcionar en probas en varios portos galegos.
A rede Wi-Fi está aberta nas instalacións portuarias da Pobra de Caramiñal, así como tamén nos portos de Santo Tomé e Tragove, en Cambados e no de Fisterra; porén o presidente de Portos de Galicia xa anunciou a implantación progresiva desta tecnoloxía noutros portos galegos, no marco dun plan tecnolóxico que prevé levar Internet a tódalas áreas da súa competencia.
Deste xeito, a entidade pública complementa o seu Plan de Sistemas, e neste intre está a comprobar a viabilidade e compatibilidade dos sistemas de funcionamento dos equipos para o desenvolvemento dunha rede destas características nos portos da súa competencia. Neste senso foron escollidos, polas súas condicións xeográficas, portos de similares características e dimensións.
O obxectivo da implantación destas redes sen fíos é, segundo informaron dende a entidade, “o de dinamizar a actividade portuaria que beneficiará ás lonxas, empresas implantadas no porto, distribuidores, armadores, confrarías e usuarios do porto en xeral, entre outros”.
O porto da Pobra do Caramiñal xa dispón de rede Wi-Fi
Compartir Este Artigo

