A unha semana para que conclúa o prazo de presentación de candidaturas aos seus Premios, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET), vén de achegarnos novidades en torno a estes galardóns consolidados xa no noso país.
O vindeiro día 10 de decembro será o último para que as empresas interesadas presenten os seus proxectos, cos que optarán a facerse co recoñecemento de todos os sectores sociais de Galicia, en especial do sector TIC.
A gala de entrega destes tradicionais premios terá lugar o 22 de decembro en Santiago de Compostela, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, cunha destacada presenza de importantes persoalidades do ámbito empresarial e institucional.
Segundo aseguran dende a entidade, os premios de Eganet “serven de estímulo desde hai sete anos á labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que se senten comprometidos coa expansión da Sociedade da Información en Galicia e que deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón de ser”; xa que logo, non é de extrañar que, sumando as seis edicións anteriores, a organización chegara a contabilizar un total de 600 empresas, con máis de 800 proxectos, que se presentaron ao concurso dende a súa posta en marcha.
As oito categorías para as que segue aberto o prazo de candidaturas son as seguintes: Premio E-Emprendedores; Premio Software, Multimedia ou Web; Premio Inclusión Dixital; Premio Mellor Ambiente Laboral; Premio Publicidade e Marketing Online; Premio E-Comerce; Premio Administración Electrónica e Premio Educación Dixital.
Nesta sétima edición ademais, incorpóranse como novidade catro Premios Globais que recoñecerán os proxectos, de entre todos os presentados, que mellor aposta fagan polo software libre, a innovación, a mobilidade e a accesibilidade.
O prazo para a presentación de candidaturas aos Premios EGANET remata nunha semana
Compartir Este Artigo

