Se os agasallos estrela deste Nadal van a ser os lectores de libros electrónicos, os tablets, os móbiles con Android ou os dispositivos “todo en un” que convirten os nosos salóns en auténticas salas de cine, que menos que as nosas mensaxes de felicitación destas datas as fagamos botando man das novas tecnoloxías e, como non, en galego.
Así o veñen de suxerir dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde convocaron un concurso de felicitacións electrónicas de Nadal escritas na nosa lingua para as que se deben usar as tecnoloxías da información e a comunicación.
O obxectivo deste concurso é favorecer o uso do galego nas postais que lle mandemos aos nosos familiares e amigos para felicitalos polo Aninovo, o Día de Reis, o Nadal… as cales deben ir en formato .ppt, .pptx ou .odp e deben estar escritas en lingua galega.
As bases do concurso, que poden consultarse na web de Política Lingüística, apuntan que os traballos máis orixinais formarán parte dunha galería de presentacións que estará dispoñible no espazo web da secretaría xeral. Ademais, outorgaranse tres premios consistentes nun lote de produtos de lecer en galego (libros, cómics, CD e DVD) para cada un dos gañadores ou gañadoras.
Este Nadal, felicitamos coas TIC e en galego
Compartir Este Artigo

