Unha empresa dedicada á fabricación de paneis solares con capacidade para tirarlle partido á chuvia e o ar e outra especializada en electrónica industrial foron as grandes gañadoras da máis recente edición dos Premios AMJE Emprende 2010 que conceden os empresarios novos da Coruña. Nestes galardóns, que se dirixen a recoñecer o impulso de actividades produtivas e innovadoras que comecen a súa andaina na nosa terra, presentáronse este ano 29 firmas, o que a xuízo dos responsables do concurso representa “unha marca de participación histórica”.
O xurado do certame, que vén cunha dotación de 6.000 euros en programas formativos ITE Caixa Galicia, recoñeceu este ano a traxectoria de Solar PST, posta en marcha por Pablo Fernández Llavero e centrada, como xa se dixo, na busca de enerxías alternativas para o fogar, alén da solar. Premio AJE Junior, para empresas de entre 6 meses e 3 anos de actividade e cunha achega de 4.000 euros nas devanditas accións formativas, foi dar a ARA Solutions. Trátase dunha firma do eido da enxeñería que se dirixe a subministrarlles aos seus clientes servizos de electrónica industrial, ferramentas dixitais e sistemas automatización.
Polo que respecta ao accésit de innovación, foi dar a Enxendra Technologies, que basea o seu labor na certificación dixital, entre outros eidos de actividade. Tamén obtivo un recoñecemento Digalco, empresa TIC galardoada desta volta polos camiños que está a abrir no ámbito da procura de novos mercados. Asemade, os empresarios da Coruña galardoaron con outro accésit á compañía Andaina, outra proposta do sector das TIC.
As novas tecnoloxías e as renovables, protagonistas dos premios AMJE Emprende
Compartir Este Artigo
