O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, vén de presentar, perante o Consello de Ministros, o anteproxecto de Lei que modifica a actual Lei Xeral de Telecomunicacións, a norma principal que regula de forma uniforme o sector das redes e servizos de comunicacións electrónicas.
As modificacións incorporadas proporcionan, segundo informan dende o propio organismo, “maior seguridade xurídica e flexibilidade aos operadores, ao tempo que melloran a protección dos dereitos dos usuarios e reforzan as competencias da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT)”.
Xa que logo, este anteproxecto reforza os dereiros dos usuarios e a súa protección, e neste senso, establece que os usuarios finais terán dereito a recibir maior información sobre as características e condicións de provisión dos servizos e sobre a calidade coa que se prestan (prezos, limitacións das ofertas…).
Tamén se protexen de maneira máis eficaz os datos de carácter persoal e establécese a norma de dar máis información aos usuarios sobre os arquivos ou programas informáticos (cookies) que se almacenan nos ordenadores e demais dispositivos empregados para acceder á Rede co propósito de facilitar a navegación.
A nova normativa establece, asemade, que o cambio de operador mantendo o número (portabilidade) deberá realizarse no prazo dun día laborable, e mellora o acceso aos servizos para persoas con discapacidade e con necesidades sociais especiais.
Este acceso deberá ser en condicións equivalentes ao resto dos usuarios.
O anteproyecto tamén modifica as competencias e o funcionamento dos organismos reguladores como a CMT e inclúe á Axencia de Protección de Datos como entidade reguladora en materia de garantía dos dereitos de protección de datos de carácter persoal.
Os consumidores serán os máis beneficiados pola nova normativa das telecomunicacións
Compartir Este Artigo

