
En total son 262 as candidaturas que optan aos premios deste ano, grazas, en parte, á boa acollida que tivo a nova categoría deste ano, o Premio Educación Dixital, que recibiu 91 candidaturas, cunha gran participación de centros de ensino.
EGANET dará a coñecer os nomes dos gañadores nunha gala prevista para o vindeiro día 22 en Santiago de Compostela, que terá lugar no Palacio de Exposicións e Congresos, e na que tamén celebrará a década de vida da asociación.
As categorías dos premios, que celebra EGANET dende o 2003, son oito, ás que se engade o Premio Especial EGANET, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia. Para esta modalidade non se reciben candidaturas e é a propia asociación a que elixe directamente o premiado ou premiada. As oito categorías para as que si se recibiron candidaturas foron as seguintes: Premio E-Emprendedores; Premio Software, Multimedia ou Web; Premio Inclusión Dixital; Premio Mellor Ambiente Laboral; Premio Publicidade e Marketing Online; Premio E-Comerce; Premio Administración Electrónica e Premio Educación Dixital.
Asemade, nesta sétima edición, incorpóranse como novidade catro Premios Globais que recoñecerán os proxectos, de entre todos os presentados, que mellor aposta fagan polo software libre, a innovación, a mobilidade e a accesibilidade. O código aberto, a capacidade innovadora, a adecuación dos proxectos aos distintos soportes móbiles e o acceso universal ás novas tecnoloxías serán méritos que se recoñecerán de maneira transversal, independentemente da categoría á que se presente cada proxecto. A estas categorías globais non se presentan candidaturas.
Gran éxito de participación nos Premios EGANET deste ano
Compartir Este Artigo

