Dicía un coñecido adiviño da zona de Barbanza, con motivo de facer as predicións do 2000 (aquel ano terrible), que este ía achegar 12 meses de guerras, desgrazas de todo tipo e catástrofes. Certamente, e malia ter posto expresión de esforzo mental para a tarefa (así o chegou ver este que escribe), non se mollou moito. PandaLabs tamén xoga sobre seguro coa nova edición do informe que ten por costume publicar na recta final de cada ano co obxectivo de albiscar o horizonte dos vindeiros 12 meses, tecnoloxicamente falando. Máis polo miúdo, en materia de seguridade informática. Segundo conta neste seu novo estudo, entre as principais tendencias para 2011 atopamos as seguintes: haberá máis ciberactivismo en Internet (incluíndo ciberguerras) e as redes sociais afianzaranse como método estrela para o contaxio de malware, roubos de información e suplantación de identidades.
Amais, as infeccións dixitais confirmarán o que se supoñía: que mentres baixa o apoio á Investigación e ao Desenvolvemento (I+D) dende o eido público, sube dende a industria dos virus, o phishing e demais. Ou sexa: todo aquilo que vai dirixido a acadar beneficios económicos a costa dos outros e, sobre todo, sen pedirlles permiso. A finalidade de todo este esforzo de innovación está máis ou menos clara: que cada vez se confundan máis os seus produtos co fluxo de información xeral das redes, ás veces tamén un pouco vírico, e que sexa cada día máis enleado detectar programas maliciosos e neutralizalos.
Polo que respecta ao malware para móbiles, hai que dicir que non se agardan grandes cambios. De feito, estímase que seguirá un pouco en beta, “facéndose agardar, igual có deseñado para tablets”, confirma a empresa. Iso si, medrará a presenza de infeccións para Mac e o deseñado para 64 bits, así como os que tiran proveito de vulnerabilidades zero-days.
En definitiva, 2011 será un ano de poucas novidades no que a cibercrime se refire. Teremos que agardar máis ciberguerra, así si. “Stuxnet e a filtración de Wikielaks apuntando ao Goberno chinés como responsable dos ataques a Google e a obxectivos diferentes marcou un antes e un despois na historia dos conflitos”, sinala Panda, para quen está claro que nas ciberguerras, ao igual que acontece nas contendas do mundo real de hoxe en día, non hai bandos con uniforme nos que se poida ver de que parte está cada quen. “Con Stuxnet”, prosegue, “ficou claro que se quería interferir en certos procesos de centrais nucleares, especificamente no centrifugado de uranio; ataques coma este, máis ou menos sofisticados, están a ter lugar agora mesmo en diferentes partes do mundo virtual, e durante 2011 incrementaranse, aínda que moitos pasarán desapercibidos para o gran público, porque tardarán algún tempo en coñecerse”.
