Con 750 usuarios de Twitter posteando cinco mensaxes cada un pódese impulsar unha lingua. Sobre este alicerce concreto apóiase unha iniciativa xerada en Galegolab.org encamiñada a prestixiar a nosa identidade nun medio que, por forza, ten que ser tamén o seu: o medio dixital. Máis polo miúdo, e segundo fixemos saber os días pasados, trátase do segundo asalto dunha experiencia primeira celebrada o 6 de outubro. Nesta segunda tentativa, a celebrar o día 17 das 16 ás 17 horas, quérese ir alén do acadado na primeira. De contar cos devanditos 750 usuarios, acadaríase a cifra de 3.300 twits, de abondo para ingresar na listaxe de temas máis tratados no Twitter. Con isto, a divulgación en liña do galego collería novos folgos. En concreto, difundiríanse os episodios da execución do mariscal Pardo de Cela, amais das experiencias vitais de Ánxel Casal e Isidro Parga como “exemplos de compromiso”.
Amais, a través deste impulso colectivo á palabra #galega entre os temas do momento (trending topics) de dita rede social, quérese dar visibilidade á problemática da lingua galega, sobre todo no Brasil. “Desta volta”, informan dende Galegolab e Radiodifusión, “búscase non soamente repetir o éxito da primeira tentativa -na que tanto xente anónima como nomes destacados da cultura galega empregaron a palabra en inxeniosas mensaxes de temática moi variada-, senón superalo e colocar #galega no máis empregado mundialmente”.
