Xa non é que as novas tecnoloxías aparezan por forza nos contidos da ensinanza social, a cuestión é que mesmo teñen potencial para aparecer na súa feitura, reconverténdoa. A cantidade de cousas que a Rede 2.0, a que nos anima a participar de xeito máis activo, pode facer pola pola educación e polo fomento dos principios solidarios e igualitarios, é ben ampla. Coller delas as máis beneficiosas é un dos grandes obxectivos da nova andaina do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), que veñen de presentar un portal en Santiago que resume estas e outras liñas de traballo. A web, adaptación aos tempos 2.0 da xa existente, achégasenos tamén como a principal ferramenta do CEESG para promover a comunicación e a construción da profesión. Con este fin, un dos seus principais activos reside en que, amais de web, é comunidade.
Segundo fixeron saber as responsables do Colexio na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago, o portal é a materialización dunha arela concreta: a de crear un espazo de encontro, participación e creación conxunta. O que se buscou coa plataforma acabada de estrear foi reunir nun mesmo tecido aos centos de profesionais da educación social que están espallados arestora por Galiza. Como se pode entender, o proceso foi longo e complicado. Contouse coa axuda de Unquilo, colectivo galego especializado no deseño, a programación e internet.
Dende o comezo, sinalaron na presentación da plataforma Laura Cruz (secretaria do CEESG) e Roi Fernández (membro de Unquilo), quedou claro que cumpría adaptar a web ás necesidades do colexio, dándose a casualidade de que unha parte destas coinciden co que ofrece o eido 2.0. O proxecto foi medrando con respecto ao proposto nun comezo, sobre todo no que se refire ao devandito convite á participación. O resultado é unha rede social propia, cen por cen galega, ao servizo das nosas educadoras e educadores sociais (que son a comunidade en si mesma, con acceso privado) e do resto dos internautas, que poden usala como canle para achegarse á realidade da profesión e requirir datos de todo tipo. “Queriamos que fose unha web sinxela, útil e amigable”, sinala Laura Cruz.
Para o seu desenvolvemento, Unquilo empregou tecnoloxía totalmente propia de seu. A web, como comunidade 2.0 que é, ten estrutura en árbore, amplas posibilidades de uso (redes propias dentro da rede, cadernos, blogs, comentarios, etc), nubes de etiquetas para favorecer o posicionamento na Rede (importante para que a comunidade medre), etc. A súa parte interna, a que se lles achega ás educadoras/es, funciona a semellanza do Facebook ou do Twitter, constituíndose os alicerces para a creación de redes persoais e favorecendo as amizades e o intercambio de coñecemento.
O portal participará do mesmo espírito que alenta á comunidade de educadoras e educadores que o Colexio representa: espírito aberto e democrático ao servizo da aprendizaxe, promotor da educación ao longo de toda a vida, non só cando rematan os estudos propiamente ditos.
O Colexio de Educación Social convértese en comunidade en liña
Compartir Este Artigo
