A Xunta vén de informar dun novo pulo á Administración Electrónica, un novo estado de comunicación coas institucións públicas que aos cidadáns, polo menos no plano teórico, traeríanos unha serie de vantaxes: ceibaríanos de traballos extra nas tramitacións e desprazamentos ao tempo que se nos garantiría a accesibilidade, a dispoñibilidade as 24 horas e a protección dos nosos datos. Segundo sinala hoxe a Secretaría Xeral de Modernización, xa está publicado no Diario Oficial de Galicia o marco de desenvolvemento da nosa Administración Electrónica. A finalidade destas liñas e regulamentos a seguir é asegurar a consecución de tódolos obxectivos procurados con esta dixitalización da vida pública e cidadá: garantir a posibilidade de relacionármonos a través das redes coas administracións aforrando custes e tempo, entre outras cousas.
“Trátase de conseguir unha administración máis transparente e aberta aos cidadáns as 24 horas os 365 días do ano”, informa Modernización. Volvendo ao devandito decreto, dicir que está integrado por 40 artigos agrupados en 9 bloques, todos eles cun nexo común: ordenar e optimizar o proceso de dixitalación e o noso dereito a comunicármonos dixitalmente coas institucións.
Tamén se regula a tramitación telemática, a creación da sede electrónica, a posta en funcionamento da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e do rexistro electrónico e máis o establecemento de equipamentos e servizos de interoperabilidade. Cómpre sinalar que o decreto abranguerá a tódolos órganos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Xa nun eido máis concreto, o regulamento fixa entre outras cousas que a sede electrónica da Xunta (o enderezo dixital a través do que accederemos á información e trámites en liña) estará emprazada en https://sede.xunta.es así como a través do portal www.xunta.es.
Publicado o decreto que regula o pulo á Administración Electrónica galega
Compartir Este Artigo
