Comezar no ximnasio, deixar de fumar, ir a clases de inglés, facer dieta… son moitas as persoas que co comezo de ano propóñense facer unha serie de cousas que logo (a gran maioría) dun día para outro acaban deixando.
Entre todas esas persoas, haberá xente que, coa entrada de ano, teña entre mans crear a súa propia páxina web (ben de carácter profesional ou persoal) e estar ao día no tocante ás novas tecnoloxías e Internet; pois ben, con vistas a isto, a Universidade de Vigo vén de anunciar que á volta do Nadal, o día 10 de xaneiro, abrirá o prazo de incrición para participar no curso de formación Deseño de Páxinas Web con recursos gratuítos, que se impartirá de balde na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás.
Será de carácter presencial, e poderá asistir calquera persoa membro da comunidade universitaria que teña intención ou desexo de crear a súa propia páxina web e uns mínimos coñecementos en informática.
O curso, que será impartido por Lidia Nokonoko Malvido, licenciada en Belas Artes e deseñadora gráfica e web no xornal Faro de Vigo, formará ás persoas asistentes na creación de webs a partir de software libre, e dará a coñecer as características básicas dunha web así como información sobre o seu proceso de creación.
Asemade nos obradoiros, que terán lugar os días 17, 19, 20, 24, 26 e 27 de xaneiro de 2011, en horario de 19.00 a 21.00 h, daranse a coñecer as aplicacións, recursos ou elementos multimedia de carácter gratuíto que permiten facer webs, así como información para entender os elementos que conforman o código da páxina e a linguaxe XHTML.
Tamén haberá un módulo especializado en coñecer e manexar as ferramentas de creación e publicación web.
De este xeito o programa do curso consta de catro eixos principais, con unha introdución que dá a coñecer o software libre e o papel do deseñador web; unha sección especializada na planificación da páxina; un terceiro eixo centrado en explicar a maquetación con XHTML e por último outro focalizado en publicación da páxina web.
A incrición farase a través da plataforma Bubela e o prazo estará aberto do 10 ao 14 de xaneiro de 2011.
A Universidade de Vigo impartirá en xaneiro un curso de creación de webs con software libre
Compartir Este Artigo

