O noso paisano e compañeiro Fernando Garrido, da Escola de Organización Industrial, vén de achegarnos unha ollada ao labor divulgativo da dita entidade, moi envorcada nos últimos tempos en avaliar polo miúdo os novos vieiros da economía e en subministrar claves para movérmonos nun terreo, o dixital, que se fai cada día. Entre os froitos máis salientables para os lectores de Código Cero do devandito labor divulgativo figura sen dúbida o proxecto de investigación Sectores da Nova Economía 20+20, unha iniciativa que vén de materializarse en libros (descargables e físicos) que escolman experiencias de éxito dentro da nova economía, destacables en diversos ámbitos (substentabilidade, creatividade, transparencia, responsabilidade, tecnoloxía) e exemplos referenciais de por onde ir encamiñándonos. En definitiva, o traballo consiste na análise de 20 empresas de 20 sectores económicos, feixe no que se inclúe (como non podía ser doutra maneira), un estudo detallado do tecido dixital.
As 20 compañías avaliadas da economía dixital, que podemos obter de balde da Rede e en formato de libro tradicional, son: 11870.com, Agnitio, ASPgems, Barrabes.biz, Bitdefender, Buongiorno, BuyVip, Comex Grupo Ibérica, Daedalus, Deimos Space, Eptisa TI, Íncipy, Isde ING, Kerajet, La Cigüeña del Bebé, Microgénesis, Qapacity, Territorio Creativo, Toprural e Tyven.
Amais desta achega, entre as iniciativas de divulgación da Escola que máis nos tocan de preto cómpre salientar a obra de Pilar Gómez-Borrero Prensa e Internet, onde está o negocio?, unha publicación lanzada xunto con MediosOn e que foi presentada durante o transcurso da máis recente edición de FICOD. A obra avalía a historia da prensa dixital en España e propón os seus futuros modelos de negocio, tendencias e influencia directa dos novos dispositivos móbiles que están a revolucionar o escenario da industria dos medios de comunicación. Estas oportunidades de negocio, que poden facer perigar o futuro das empresas editoriais tradicionais (de non adaptárense aos novos tempos), son polo tanto os eixes da obra que presentamos, moi comprometida coa necesidade de sermos áxiles perante os novos escenarios comunicativos. “Os xornais deixarán de ser como os coñecemos hoxe”, sinalou a súa autora durante a presentación, “en boa medida porque a tecnoloxía xa trocou a nosa forma de comunicármonos, presentando solucións múltiples e variadas”. E engade: “Estas solucións pasarán por experimentar dende hoxe mesmo con novas fórmulas de ingresos, múltiples e, en algúns casos, entreveradas e atopar aquelas se se afagan ao valor dos nosos contidos”. A obra resultante, de máis de 400 páxinas, afonda na complexidade actual dos dereitos de propiedade intelectual nos contidos, na medición de audiencias ou nas posibilidades da publicidade en liña.
A economía e a prensa dixitais, avaliadas en detalle nas obras descargables da EOI
Compartir Este Artigo
