González-Sinde, ministra de Cultura, nunha imaxe recente de A Nosa TerraNon todo é parabéns trala caída da lei Sinde. Malia que moitos de nós esteamos de acordo co seu rexeitamento, cómpre non esquecer que tiña unha chea de apoios, sobre todo dunha parte da industria cultural (a parte que apoia e defende os dereitos pechados de propiedade intelectual), que considera o desbotamento da dita lei unha maneira de deixalos desprotexidos e sen posibilidade de medrar. Asemade, opinan que as descargas sen o seu consentemento, de balde e sen achegarlles beneficio, provocarán unha subida do paro dentro do sector. É nesta liña de dar a coñecer a súa opinión onde se insire a web nolesayudesamandarmealparo.com, unha nova iniciativa que se dirixe a amosar que “as persoas que están a favor da lei Sinde non son menos cás que están en contra”. Polo de agora xa hai medio milleiro de asinantes, e supoñemos que a cifra irá subindo. A cousa comezou como unha achega espontánea de apoios anónimos á protección dos devanditos dereitos pechados de propiedade intelectual, e agora xa colle corpo cunha longa serie de nomes e apelidos. Segundo indicaron os días pasados os responsables da iniciativa e recollen medios como Noticiasdot, trátase de persoas ligadas á cultura que están desexando darse a coñecer perante o que consideran un claro desleixo dos partidos políticos cara aos seus intereses, agás o caso do PSOE, único defensor da lei Sinde.