Cando falamos das venda dun videoxogo, normalmente centrámonos nas súas primeiras semanas, cando normalmente prodúcense o 80% das súas vendas totais, pero existen excepcións a esta norma, especialmente nos xogos de Nintendo, que presentan un comportamento totalmente distinto no seu ciclo de vida, de xeito que as súas saídas ao mercado son moderadas, e posteriormente conseguen manter unhas vendas estables a longo prazo, de xeito que despois de máis de 4 anos nas tendas o xogo New Super Mario Bros para Nintendo DS vén de sorprender ao converterse no primeiro xogo da portátil de Nintendo en superar os 6 millóns de copias vendidas no Xapón, superando a grandes franquías coma Pokémon ou Dragon Quest.
A nivel internacional o New Super Mario Bros (xogo cada día menos novo) tamén lidera as vendas cuns 24,19 millóns de copias estimadas, superando os 24,01 millóns de unidades de Nintendogs e os 20,64 millóns de copias do Mario Kart DS. Brain Training tamén ten unhas vendas moi sólidas (19,58 millóns de unidades a súa primeira entrega e 15,04 millóns a segunda) xunto co Pokémon Diamante y Perla (17,69 millóns de copias), que conseguen unha vantaxe máis que considerable con respecto do resto de xogos para Nintendo DS.
Vendo estas cifras parece claro que a estratexia de Nintendo a longo prazo é tan atinada como a que teñen os xogos para terminais de Apple (que conseguen un rápido retorno do seu investimento grazas ás súas vendas explosivas), dando a entender que cada perfil de usuario reacciona de xeito diferente á oferta de videoxogos presente no mercado.
New Super Mario Bros confírmase coma o xogo para Nintendo DS máis vendido da historia
Compartir Este Artigo

