
Consecuencia: podemos pór en risco os nosos equipos e toda a información persoal que conteñen (contas de correo, credenciais bancarias, contrasinais de redes sociais, buscas na Internet, accesos privados, documentos confidenciais, etc.). “En termos xerais, toda a nosa información persoal e confidencial nalgún intre pasa polo noso computador ou o noso móbil, información que pode ser substraída por bandas organizadas co obxectivo de perpetrar delitos económicos, aínda que ás veces haxa outros fins”, sinala a dita empresa.
Ao longo do ano que estamos a piques de deixar atrás, a compañía foi quen de recuperar ata 250 xigabytes de datos roubados de computadores de todo o mundo, pescudando sobre todo ao troiano ZeuS, arestora moi espallado e cun alto nivel de incidencia. De feito, hoxe en día é o principal responsable deste tipo de delitos. De toda a información recuperada, os principais países afectados foron EE UU, España, Canadá, Holanda, Reino Unido, Italia e Alemaña. Por certo que nos datos localizados figura información sobre máis de 150 empresas, moita dela de tipo privada, confidencial e transcendente para o futuro destas compañías. “No caso de España, 11 das empresas do IBEX 35 foron afectadas por estes roubos de información”, coméntase dende a empresa.
Volvendo á tempada de Nadal, dicir que moitos power points, flashes ou correos que recibimos veñen por así dicilo con sorpresiña incluída. E non precisamente unha sorpresiña agradable. Por exemplo a falsa felicitación-video espallado polo Facebook que podemos ver na imaxe. As máis recentes estatísticas apuntan a que máis da metade dos computadores españois atópanse neste intre infectados, tanto persoais como empresariais, “co que é preciso extremar as medidas de precaución”. Entre os consellos achegados por S21sec, figuran os seguintes: cómpre borrar tódolos correos sobre os que teñamos dúbidas, non meternos en páxinas que non coñecemos, ter claro o que procuramos e ler sempre a letra miúda antes de aceptar ningún tipo de contrato.
As felicitacións de Nadal e ofertas en liña disparan o número de ordenadores infectados
Compartir Este Artigo
