A primeira fase da aplicación do primeiro curso do Proxecto ABALAR, a que implicaba a instalación nos centros educativos públicos do equipamento tecnolóxico preciso para a súa posta en marcha, vén de chegar á súa fin. Así nolo comunicou os días pasados a Consellería de Educación, quen xa informara previamente en novembro dos obxectivos a acadar nesta recta final de 2010: chegar a 15.000 alumnas e alumnos, o que implicaba a dixitalización de 300 escolas. Pois ben, as aulas que participan nesta edición 2010/2011 de ABALAR “xa contan cos seus respectivos computadores portátiles para o profesorado e o alumnado, amais de cos encerados dixitais precisos para completar esta primeira fase de integración das TIC no ensino”, informou os días pasados Educación, que tamén fixo fincapé na achega de redes e accesos a Internet. Co fin de impulsar a boa marcha do proceso, a partir do 11 de xaneiro os equipos técnicos de ABALAR comezarán unha xira polos devanditos 300 centros públicos.
Cómpre lembrar que un dos piares fundamentais desta iniciativa é, precisamente, o ultraportátil ABALAR, achegado pola empresa galega Coremain. Estes ultraportátiles para os alumnos son un equipo de tipo tablet PC e táctil, que cumpre funcións de ordenador portátil e lector de documentos electrónicos. Trátase do modelo INVES NOOBI 10, un equipo lixeiro e de tamaño reducido e cunha pantalla TFT LCD rotatoria que evita que os nenos teñan que forzar a vista ou adoptar posturas pouco axeitadas. Ademais, informa Coremain, incorpora un asa elástica que facilita o seu transporte. Inclúe entre outros programas o sistema operativo Ubuntu 10.04, un dos que máis recoñecementos e apoios ten no panorama actual do software libre, entre usuarios e programadores e tamén entre educadores e profesionais. Tanto estes equipos coma os dos mestres, teñen instalados os idiomas galego, castelán e inglés, nesa orde de preferencia. No que respecta aos restantes programas incluídos, non só o sistema operativo, vanse amosar no idioma que se teña elixido por defecto. A marxe de manobra será maior nas ferramentas que presenten máis linguas traducidas.
O Inves Noobi 10 é un equipo que evoluciona do Inves Junior, presentado en España a finais de 2008 coma unha gran innovación no eido dos portátiles para os cativos. Unha das grandes novidades do Noobi 10 con respecto á anterior achega radica precisamente na súa pantalla rotatoria e táctil. Asemade, pódese apoiar a xeito de encerado, e o rato de panel táctil inclúe dous botóns de páxina adiante e páxina atrás para facer máis doada a lectura de libros electrónicos e outros documentos dixitais.
É un equipo lixeiro. O seu peso oscila entre os 1,39 e os 1,59 quilogramos, e tamaño é de 265 x 195 x 30.5-38 mm. O ordenador atura caídas dende máis de medio metro de altura. Polo que atinxe á súa batería, tamén incorpora melloras con respecto á anterior versión, xa que se prolongou a vida e duración do acubillo enerxético grazas ao uso do procesador Intel Atom N450 de 1,66 ghz, que consegue unha baixada importante no consumo.
Completada a instalación de equipamento tecnolóxico do primeiro curso de ABALAR
Compartir Este Artigo
