Presentación do informe de Telefónica sobre o afianzamento das redes en EspañaTelefónica presentou este martes a súa undécima entrega do informe A Sociedade da Información en España, unha investigación que como o seu propio nome indica vai dirixida a tomarlle o pulso, dende un punto de vista máis ben corporativo, ao desenvolvemento das redes do coñecemento no Estado. O estudo, que inclúe novos índices e análises con respecto a anteriores edicións, ten entre os seus puntos máis salientables a constatación dunha maior presenza das persoas adultas no uso cotián das ferramentas dixitais, sendo as taxas de medre sobre este punto moi superiores á medida dos últimos anos. Segundo os datos de Telefónica relativos a 2010 e 2009, o nivel de dixitalización de contidos e a realización de actividades dixitais creceu en meirande grao entre as persoas pertencentes aos segmentos maduros de idade (entre 45 e 64 anos) ca entre a media da cidadanía. Por exemplo no emprego da Internet para operacións bancarias, a concorrencia destes internautas subiu nun 4%. Este feito, que para Telefónica é un proba de madurez da dixitalización da sociedade, ten como principal consecuencia o esvaecemento progresivo da fenda dixital por idades. “Esta realidade”, sinala a operadora no seu estudo, “ten unha gran importancia no meirande peso que gaña o sector de persoas maduras dentro da pirámide de poboación, e por ser un segmento con maior capacidade adquisitiva cá media, o que pode converter a este grupo no motor do medre da Sociedade da Información na vindeira década”. Isto por unha banda, así como a importante presenza (xa previa) da mocidade nas redes, achega un panorama estatal de 27 millóns de internautas, dos que case o 70% é usuario frecuente (accesos diarios).