Que facer cos móbiles que xa non usamos? En caso de botalos nun punto de recollida axeitado (que é o que cómpre facer, en definitiva), servirán para algo ou simplemente serán obxecto dun miúdo número de aproveitamentos? Dende hai uns anos, o Instituto Jane Goodall está a facer esforzos por acadar que os teléfonos de refugallo substitúan a súa utilidade natural, a de ternos axudado a comunicarnos, por outra colectiva, solidaria e medio ambiental. Algo así como o sumun da reciclaxe. Proba disto é Mobilízate pola Selva, iniciativa do dito Instituto que un ano máis chega á nosa terra a través de varios puntos de recollida deste material, incluíndo os Campus de Vigo.
Cómpre ter en conta isto: de levarlle móbiles en desuso a estes colectores, estaremos axudando á conservación dos espazos naturais africanos, hoxe en día en perigo pola busca indiscriminada dun recurso mineral, o coltán, que é un dos ingredientes básicos dos móbiles. Como dixemos, un destes espazos de reciclaxe é a Universidade Vigo cos seus tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra), onde por segundo ano consecutivo a Oficina de Medio Ambiente dispuxo xa os colectores precisos para a recollida de terminais. O obxectivo é ir alén do acadado en 2010, onde non se deron unhas cifras precisamente altas de participación: recolléronse preto de cen aparellos, 56 aparellos en Vigo, 31 en Ourense e 12 en Pontevedra, datos que se esperan mellorar nesta edición na que, amais, ampliouse o tempo que os colectores estarán na Universidade, posto que nesta edición do proxecto serán sete meses, fronte aos catro do pasado curso.
Como se dixo, a finalidade de todo isto ten o seu aquel de paradoxal: botar man de tecnoloxía de refugallo para coidar da natureza. Máis polo miúdo, perséguese tirar partido de certos materiais para colaborar cos programas de conservación levados a cabo en Congo polo Instituto Jane Goodall. Estes programas inclúen campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga, pertencente ao instituto que leva o nome da primatóloga e conservacionista que foi galardoada co Premio Príncipe de Asturias 2003.
A dita Oficina instalou colectores específicos nos tres campus da Universidade de Vigo. Un na conserxería da Facultade de Ciencias de Ourense e outros dous nos campus de Pontevedra (ata o 31 de xaneiro na conserxería da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) e Vigo (conserxería da Facultade de Filoloxía e Tradución, tamén ata fin de mes), que irán rotando.
Nova campaña para a recollida ecolóxica de móbiles nos Campus de Vigo
Compartir Este Artigo
