A nova edición dos premios LinkToStart que chegaron esta semana ao seu remate tiveron presenza galega. Máis polo miúdo a de Vanesa Sáez, responsable do proxecto en liña A Terapia do Canguro, unha comunidade dixital dirixida á loita colectiva contra o cancro e á achega concreta de consellos e recursos para vencer esta doenza. Tal e como se nos conta dende a web de Novaxove, a proposta da xornalista galega Vanesa Sáez foi recoñecida cun importante galardón no dito certame (o primeiro premio na categoría do ámbito social), encamiñado entre outras cousas a apoiar aos novos emprendedores e ás iniciativas tecnolóxico-sociais innovadoras (incluíndo asesoramento, financiamento e formación).
A entrega de premios celebrouse este mércores 12 en Madrid, onde Vanesa tivo oportunidade de presentar o novo portal, unha achega que tivo o seu xermolo en Novaxove, en formato de blog, e que está aberto á participación activa da comunidade internauta. Tanto a web-comunidade como o blog foron desenvolvidos cun obxectivo ben claro: achegarlles toda a axuda posible ás persoas afectadas de cancro, leucemia e linfoma. A xuízo de Vanesa Sáez, quen tamén está a vivir esta experiencia, queda moito por vivir aínda tras o diagnóstico, e o mundo non remata nin moito menos logo de que nos informen del. A proposta da galega Vanesa Sáez impúxose como gañadora dentro da súa categoría de proxecto social logo de que se presentasen 150 achegas procedentes de toda España e se elixisen só 7 finalistas. Amais de A Terapia do Canguro, tamén obtiveron galardón Totfan Games, Uolalá.com e Yonococino.com. Podemos ver todo o proceso detallado no propio blog de Vanesa, onde tamén se dá conta da súa experiencia co programa LinkToStart.
Premiada en Madrid unha web galega posta en marcha para loitar contra o cancro
Compartir Este Artigo
