O problema da desaparición das abellas xa non é un conto. Calquera que se dedique á apicultura (ou non) pode velo: agás en contadas excepcións, os volumes de produción de mel baixan con cada ano que pasan. Sobre os motivos, pensouse en moitas e variadas causas, pero semella que se están a impoñer os pesticidas como principais inimigos destes insectos. Dito doutro xeito: tantos anos de fumigación no rural, de tódalas formas posibles, estaba claro que máis cedo ou máis tarde ían pasar factura. E tendo en conta a importancia das abellas na cadea natural, estas poden ser máis dramáticas do agardado. Iniciativas na rede para botarlles unha man a estes insectos hai moitas, pero estes días quedámonos cunha campaña en liña, multitudinaria, para recoller sinaturas a prol do seu futuro e en contra de pesticidas como os chamados neonicotinoides, sistémicos.
A iniciativa, na que participa a Asociación Galega de Apicultura (AGA), tamén se dirixe a obrigar aos entes responsables a tomar cartas na cuestión, tanto ás institucións públicas con competencias en medio ambiente como ás empresas directamente culpables como Bayer, responsable da achega masiva duns produtos que a xuízo de AGA son como “armas de destrución masiva”. A campaña en liña, na que podemos asinar xa, recolleu 800.000 sinaturas en só unha semana.
O gran obxectivo é acadar un millón e reforzar así a mensaxe que se quere facer chegar á Unión Europea.
A iniciativa foi posta en marcha por Avaaz (El Mundo en Acción). Nas liñas xerais de mobilización inclúese unha presión directa sobre a UE e máis Estados Unidos, con fin de que sigan o camiño aberto por catro países que xa comezaron a prohibir os produtos responsables da desfeita. “Se logramos que os EE UU e a UE se unan á prohibición, outros gobernos farán o mesmo, e poderemos salvar ás abellas da súa extinción”, din.
Multitudinaria recollida de sinaturas para salvar ás abellas dende a Rede
Compartir Este Artigo
