Os responsables da Oficina Agraria Virtual veñen de facer reconto do acadado en materia de datos recompilados dende a posta en marcha deste servizo dependente da Consellería de Medio Rural. Segundo informan, a cifra de nacementos de gando bovino declarados ao longo do dito tempo a través da Oficina foi de 32.846, correspondendo na súa meirande parte a propietarios de explotacións da Coruña e Lugo (13.151 e 15.697, respectivamente). “Os nacementos rexistrados aumentaron no que vai de ano 2011, acadándose o día 11 o record de altas, con 2.593 animais declarados”, engádese.
Cómpre lembrar que a Oficina Agraria Virtual, no seu traballo en colaboración co teléfono 012 de atención á cidadanía, foi creada co obxectivo de pór en marcha un sistema útil de identificación e rexistro de animais, amais de posibilitarlle á veciñanza do rural a realización de trámites diversos ligados á actividade agrogandeira empregando as novas tecnoloxías da información. Máis polo miúdo, trátase dun portelo único de atención ao usuario en Internet. Os gandeiros poden acceder á Oficina Virtual na páxina web da Consellería do Medio Rural, precisando para un uso pleno deste servizo a achega do seu número de DNI e do seu número PIN. A partir de aí, están en disposición de identificar o gando dende calquera punto con conexión a internet, ou se o prefiren tamén comunicar os datos por teléfono chamando ao 012.
A Oficina Agraria Virtual recolleu xa máis de 30.000 nacementos de gando
Compartir Este Artigo
