No último trimestre do pasado ano, España volvía a formar parte do top mundial de países emisores de spam, situándose, xunto con Italia, como o único país europeo onde se rexistrou unha subida na porcentaxe como produtor de spam con respecto ao anterior trimestre.
Agora, acabado de estrear o ano, podemos ratificar esta información ao comprobar que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) volveu a sufrir un ataque de phishing na súa web, que ten como obxectivo acadar os datos persoais das persoas usuarias para facer uso dos mesmos delictivamente.
A entidade, que xa rexistrou as primeiras vítimas do engano, afirma que “este novo intento de suplantación de identidade aproveita a falta de coñecemento de algúns usuarios para a súa execución”.
Desta volta, o ataque de phishing baséase nunha campaña de spam na que avisan ao usuario de que lle impuxeron unha sanción, co obxectivo de que encha un documento de Word e facilite os seus datos persoais a través dun correo electrónico a unha conta de Hotmail. Para dar unha imaxe de veracidade, os autores do correo malicioso inclúen unha ligazón á web da DGT así como un nome de remitente que semella o da propia entidade.
Asemade, xunto coa suposta notificación de sanción, o spam inclúe un documento de alegacións e un acuse de recibo de correos onde solicitan o nome, apelidos, dirección e número de DNI da persoa sancionada.
No marco da reforma de tráfico que tivo lugar no 2010, este organismo creou moitos portais en liña para que os usuarios poideran comunicarse coa entidade da maneira máis cómoda, algo que agora aproveitan os spammers para facer o seu peculiar negocio.
Ante isto, a DGT recomenda “ter a maior precaución posible”, e recorda que “denunciemos ás autoridades competentes todo aquelo que consideremos sospeitoso”.
A Dirección Xeral de Tráfico é vítima dun novo ataque de phishing
Compartir Este Artigo

