De estar na Coruña, se tivésemos que consultar a web do Concello para achegármonos a unha rúa, teriámolo ben difícil se o nome desa rúa fose susceptible de deturpacións. Ou sexa, que podemos estar seguros de que non atopariamos nin a ronda de Arteixo nin a praza de Ourense, por poñer uns exemplos. Sería preciso poñernos na pel dunha persoa galega que prefire chamarlles aos nomes de lugar como lles chamarían outros que veñen de fóra. Todo un exercicio de identidade reconstruída. Así nolo conta estes días A Nosa Terra, que vén de pór de manifesto as carencias da páxina web do Concello da Coruña, máis polo miúdo do seu rueiro en liña, só dispoñible en castelán, cousa grave que devén en máis grave aínda se temos en conta que é un escaparate da deturpación de topónimos. Uns exemplos: a rúa Villa de Órdenes, ou a rúa do Río Arnoya. Que facer se queremos ir á praza de Ourense?
Debemos comportarnos de xeito constitucional e pensar que dende un concello galego elixirán por norma a versión legal de tódalas dispoñibles? Pois non, hai que ser anticonstitucionais e seleccionar a outra versión, porque doutra maneira veremos que a praza requirida non existe. Existe a praza de Orense, polo tanto. A cousa non remata aí. Segundo se engade na investigación do dito xornal galego, se se pode deturpar algo, mellor facelo que ficar a medias. Esta teima por ofrecer alteracións dos nosos nomes de lugar chega ás súas cotas máis radicais no caso da rúa do Río Allones, un emprazamento que por se alguén o dubida fai referencia ao curso de auga que desemboca no termo de Ponteceso. Aviso á veciñanza deste concello: leváronlles o río ben lonxe, puxéronlle un nome diferente ao orixinal e logo trouxérono de volta.
Advirten de graves deturpacións dos topónimos galegos no rueiro en liña da Coruña
Compartir Este Artigo
