A recta final da sexta edición dos Premios Fundetec, dirixidos a recoñecer o labor de entidades sen arela de lucro, públicas e privadas, que traballen a prol do afianzamento das TIC, terá presenza galega. Máis polo miúdo da Aula TIC-PEMEs do Campus de Lugo, que vén de ser elixida como finalista para os devanditos galardóns na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada destinada a pequenas empresas ou ben a autónomos. A iniciativa seleccionada da Aula galega (dependente da Facultade de Administración e Dirección Empresarial de Lugo), aspira ao devandito premio xunto con outros dous centros de investigación: o Laboratorio Interprofesional Lechero e Agroalimentario de Asturias e a Plataforma Tecnológica eContainers.
O gañador darase a coñecer o 3 de febreiro dende Madrid no contexto dun acto cos medios de comunicación estatais no que farán acto de presenza tódolos finalistas. Volvendo á iniciativa galega, dicir que consiste na achega de asesoramento e formación TIC a empresas e asociacións da nosa terra, labor que vén da man dun grupo de estudantes de último curso da dita Facultade, que son en definitiva os integrantes da Aula TIC-PEMEs. Máis polo miúdo, a iniciativa consiste en fornecer de ferramentas e recursos de xestión baseados en software libre ás empresas e asociacións para logo realizar un proceso de seguimento e apoio á integración destas ferramentas e recursos no seo da entidade beneficiada. Isto tradúcese en actividades de formación e titoriais.
A Aula TIC-PEMEs de Lugo aspira ao premio Fundetec 2010
Compartir Este Artigo
