Na Rede todo muda de pel dun día para outro. Vale que se cadra non tanto, pero semella que os cambios na feitura externa son tan importantes para a supervivencia dunha firma coma calquera outra innovación salientable que se nos ocorra. Neste senso, é probable que nunha compañía referente nas TIC ninguén traballe pensando máis no futuro cós equipos de deseño web. Pensabamos que a web de YouTube era moderna? Pois vén de ser obxecto dunha (valga a redundancia) nova renovación, incluíndo un redeseño da portada, sinal de que na Rede 2.0 todo dura menos, en termos de frescura, que o pan dos hipermercados.
Por certo que no feixe de novidades inclúense premios para os usuarios rexistrados e máis opcións de personalización para os internautas en función dos seus gustos e tendencias. Debaixo de todo isto, contan, hai máis que un simple lavado de faciana. Hai unha clara tentativa por seguir sendo un sitio 2.0 de referencia no convulso e cambiante eido das redes da participación. Pero hai máis novidades, entre as que se contan a inclusión de máis vídeo por canle (poderemos ver tódolos vídeos pendurados nunha canle, non só os máis recentes), nova caixa de correo, listaxe combinada de vídeos para ver dunha tacada as novidades, escolmas dos últimos vídeos vistos ou posibilidade de pechar (premendo na clásica “x”) aquelas pezas que xa non queiramos seguir vendo. No blog de YouTube dásenos conta, punto por punto, das novidades.
YouTube muda de feitura visual e inclúe novos servizos
Compartir Este Artigo
