Malia que xa se avanzou moito na mellora do acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación das persoas con discapacidade, aínda queda moito por andar para que estes colectivos teñan as mesmas oportunidades que o resto da poboación para integrarse completamente na sociedade das TIC.
Neste eido, as persoas máis concienciadas e comprometidas coas sociedade teñen unha débeda coa Fundación ONCE, que é a entidade que en España máis está a facer para que as persoas con discapacidade poidan aproveitar as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e a Rede de Redes.
A última acción que a Fundación ONCE vén de levar a cabo en prol deste colectivo foi a decisión que tomou de instituir os Premios Discapnet á Accesibilidade TIC e ao Compromiso coas Persoas con Discapacidade, que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das tecnoloxías da información e a comunicación).
Tamén premia a aquelas institucións e empresas distinguidas polo seu compromiso coas persoas con discapacidade e, neste senso, concederá galardóns en dúas categorías; a primeira delas está dividida á súa vez en dous galardóns: un dirixido á mellor iniciativa, proxecto, produto ou servizo TIC para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e outro que distingue á empresa, entidade ou organización que máis destacara no seu labor en materia de mellora da accesibilidade TIC.
A segunda das categorías, tamén dividida en dous premios, recoñecerá o compromiso coas persoas con discapacidade. Estes premios poderán outorgarse ás persoas, empresas, entidades ou administracións que se distinguiran polo seu compromiso coas persoas con discapacidade e as súas familias en ámbitos como a promoción da autonomía persoal, a inclusión laboral, a saúde, a acción social e cultural, a comunicación social ou a investigación científica e técnica.
Segundo recollen as bases, que poden consultarse na Rede ao completo, os premios non teñen dotación económica porén os gañadores recibirán unha escultura do prestixioso artista Gonzalo Torné, que por certo, tamén ten unha discapacidade.
As persoas interesadas poderán presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 10 de febreiro.
A Fundación ONCE premiará as tecnoloxías máis accesibles
Compartir Este Artigo

