Tal e como sinalamos os días pasados, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) está máis que nunca no punto de mira do tecido produtivo galego, en parte porque o complexo de I+D ten potencial para facer posibles innovacións empresariais de grande alcance e complexidade. Nesta liña de achegamento entre ámbalas partes é onde se insire a visita ao CESGA dunha delegación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), encabezada polo seu presidente, Antonio Fontela, quen puído ter coñecemento coas vantaxes e servizos que achegan as tecnoloxías do CESGA, tanto as referidas a supercomputación (precisas para grandes operacións de cálculo, aplicables tamén ao empresarial) como as ligadas á teleformación e á videoconferencia.
Fontenla, quen foi recibido por Ricardo Capilla (presidente do CESGA e director xeral de I+D), tamén tivo ocasión de avaliar un caso práctico de colaboración empresarial-institucional a través das novas tecnoloxías: o desenvolvido pola consultora GDI e o CESGA e que implicou o fornecemento de equipamentos tecnolóxicos dende a empresa cara o centro de computación, máis polo miúdo equipamentos de telepresenza. Este precisamente, o eido da comunicación de vangarda a través da videoconferencia (moi útil para todo tipo de empresas con persoal, socios ou clientes fóra do seu contorno xeográfico), foi un dos temas que máis interese suscitou. En boa medida, debido á ampla experiencia do propio CESGA no eido da comunicación de alta tecnoloxía, aplicada no seu seo (co proxecto Torga.net) e no de universidades galegas, españolas e portuguesas. Por certo que na reunión coa CEG tamén participou o director do centro de I+D emprazando no Campus Sur de Santiago, Javier García Tobío, quen lembrou as moitas vantaxes que este tipo de labor empresarsial a distancia pode pór ao alcance das empresas: “A experiencia fíxonos ver que o uso intensivo destas tecnoloxías para a coordinación de equipos de traballo dispersos supón un claro aforro de custes e um medre da produtividade do persoal inveestigador e técnico”, manifestou.
O empresarios toman nota das vantaxes do CESGA en materia de teletraballo e videoconferencia
Compartir Este Artigo
