Agora que a cociña de autor está tan de moda, e que os menús dos restaurantes chic, máis que comida semellan obras de arte saídas dun laboratorio que se poden mirar pero non tocar, bótase de menos a comida da avoa, feita sen apurar na cociña de leña e con moito moito agarimo.
Por outra banda, as prisas e o estrés do día a día fan que as nosas dietas se baseen en pratos precociñados e comida lixo en restaurantes de comida rápida, que enchen de calorías os nosos bandullos, as máis das veces, sen ningún tipo de nutrinte beneficioso para a nosa saúde.
Porén, de novo, as novas tecnoloxías póñense ao servizo da sociedade para facernos chegar unha ferramenta que reúne dieta saudable con pratos tradicionais do noso país, facendo que os nosos menús sexan máis sans e apetitosos.
Trátase da web Dietaatlanticogallega.com, creada polo Grupo Cuevas, que permite configurar menús con pratos típicos galegos dun xeito equilibrado, grazas a un “semáforo nutricional” que axuda a axustar a dieta de cada usuario ata que sexa boa para a súa saúde.
A información nutricional dos alimentos que achega esta ferramenta virtual está certificada pola Universidade de Vigo (que tamén participou na súa creación) e as receitas presentadas foron feitas, segundo afirman, “seguindo un criterio científico”.
Esta web é froito de dous anos de traballo do Grupo Cuevas en colaboración con varios equipos da Universidade de Vigo, no que a parte científica estivo dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias Lorenzo Pastrana e Federico Mallo e a parte técnica polo profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Florentino Fernández. Durante este tempo, os investigadores recompilaron arredor de 300 receitas características da dieta atlántico-galega e analizaron o seu valor e composición nutricional. Con esta información de base, deseñaron unha web na que o usuario pode ver as receitas dos diferentes pratos, escoller os que desexe e ver cantas quilocalorías, proteínas, hidratos de carbono e graxas ten cada prato e cada menú.
No tocante ao semáforo nutricional que achega a ferramenta, Federico Mallo explica que “permite, tomando como referencia os estándares en nutrición, axustar os menús ás marxes axeitadas pero atendendo aos nosos gustos”. Isto tradúcese, segundo engadiu, “en que cando o menú ou produtos elixidos polo usuario superan os valores nutricionais saudables, o semáforo alerta en laranxa ou vermello da necesidade de modificalos”.
Asemade a web, que destaca pola súa accesibilidade e operatividade, pode ser empregada por calquera persoa con coñecementos básicos de informática e permite rexistrar os menús de cada usuario para volver a eles a modo de “historial”. Isto permite que, ao longo de 11 semanas, o sistema valore de xeito automático, se o usuario ou usuaria se está a alimentar correctamente.
Porén isto non é todo, para colmo da comodidade, a ferramenta ofrece a posibilidade de elaborar unha listaxe da compra cos produtos precisos para cociñar cada menú ou prato escollido.
Na imaxe, Lorenzo Pastrana, Federico Mallo, Artur Yuste, Mª Victoria Jato e Florentino Fernández durante a presentación da web, da que hai que salientar que está en castelán e en galego.
A boa dieta galega, á nosa disposición na Rede
Compartir Este Artigo

