Ferrol quere recoñecer na Rede a figura dun dos seus veciños de meirande renome, o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. Con este fin e dentro dun amplo panorama de actividades de homenaxe (do que tamén formaría parte o concurso en liña de AGAL e Komunikando), a Concellería de Normalización Lingüística presentou estes días unha web cuxo nome fala por si só dos obxectivos da mesma: ferrolconcarvalhocalero.com. A web, que é unha continuación das actividades de recoñecemento organizadas polo Concello en 2010 (ano no que se celebrou o centenario do nacemento do escritor), foi desenvolvida pola Cooperativa Tagen Ata, con sede en Narón e especializada sobre todo na formación en liña, nos contidos dixitais e nos servizos lingüísticos ligados ao galego.
A páxina en cuestión, como se pode supor, é unha aposta pola permanencia e a vixencia do legado de Carvalho Calero, aberta á cidadanía e con clara vocación formativa. Entre os contidos que se subministran, punto por punto, inclúese un percorrido pola vida do autor (incorporando material interactivo para facilitar o achegamento biográfico) e máis un achegamento ás principais ideas plasmadas nas súa obra, presentadas tamén nos máis diversos formatos: vídeos e gravacións de audio dos poemas de Carvalho Calero e obras musicais arredor dos mesmos.
Asemade, a páxina incorpora outro apartado, Vive a Carvalho, encamiñado a fomentar o diálogo cos internautas máis novos, aos que se lles presenta o reto de reconstruír os intres decisivos da vida do escritor ferrolán, e todo isto tirando partido do material audiovisual que teñen ao seu alcance. As achegas dos escolares terán tamén acubillo na devandita páxina web.
Amais de todo isto, o sitio fornece aos usuarios da Rede que queiran afondar na figura de Calero un apartado para facer mapas e rutas sobre o filólogo (a través da ferramenta galega ikimap) e ouro para atopar todo tipo de información feita pola comunidade escolar arredor do autor de Sobre lingua e literatura galega.
