Ten o internauta galego certas responsabilidades sobre o que se escribe da súa terra na Rede? Ao noso xuízo a resposta é si, pero que ninguén crea que isto de loitar contra exclusións e deturpacións é unha tarefa calquera. De feito, teremos que loitar contra xente como a de Microsoft ou Facebook, case nada. Pero non está nada perdido, e máis aínda se temos en conta que cada día somos máis na Rede e a panca dixital que imos usando vaise fortalecendo. De Microsoft xa falamos o outro día, máis polo miúdo dos seus mapas en Bing. Agora toca facelo de Facebook, que tamén ten o seu. Segundo se conta na web de A Nosa Terra, a rede social dá unha de cal e unha de area no que se refire a respecto polo noso. Por unha banda, permítenos empregar na nosa lingua unha boa parte dos seus servizos, incluído a interface. Pola outra, mantén un número grande dos nosos topónimos deturpados.
A historia é a de sempre, e semella que o lastre dos mapas feitos en tempos pasados pasou sen ningún tipo de filtro á Rede. So deste xeito se explica que Facebook fale de sitios como “El Ferrol del Caudillo”, “Ginzo de Limia”, “Cillero” (que imaxinamos que será Celeiro, aínda que non o temos ben claro) e unha deturpación que lle colle ben de preto a este que escribe e que case lle provoca dores de cabeza: “Santa Eugenia de Ribeira”. En fin, que en Facebook deberon de pedirlle axuda aos familiares dos profesionais da cartografía estatal, mortos hai tempo, para dar forma á súa información xeográfica.
Outros topónimos deturpados, engade A Nosa Terra, son “Mellid”, “Viana del Bollo”, “Puenteareas”, “Sangenjo”, “La Guardia”, “Puebla del Caramiñal”, “Villardevós”, “El Grove”, “La Coruña” e “La Cañiza”, entre outros. Non aparecen os nomes en galego destes nin doutros lugares.
Facebook tamén achega a súa ración de topónimos galegos deturpados
Compartir Este Artigo
