Malia que resulta paradóxico que o persoal da nosa Administración precise clases de galego, o certo é que unha parte dos nosos funcionarios non sabe falar a nosa língua nai (cousa que non é de estrañar polas características das antigas probas para acceder ao posto de traballo). Para arranxar isto e reforzar a capacitación lingüística do persoal da Administración galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), vén de convocar unha serie de cursos de linguaxe administrativa galega que, por primeira vez, inclúen versión online.
Todos os cursos terán unha duración de 75 horas e, na modalidade de teleformación, o alumnado deberá superar unha proba escrita e outra oral finais, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP. O número de prazas por curso será de 30, tanto para a modalidade presencial como para a modalidade de teleformación e o prazo de presentación de solicitudes remata o día 22 deste mes.
A formación en liña constitúe “unha aposta decidida do departamento que dirixe Anxo Lorenzo para darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego”. Esta modalidade pretende aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para marior comodidade dos usuarios e usuarias e Política Lingüística xa a viña empregando dende o pasado ano cando decidiu implantar o sistema de formación virtual para os cursos do Celga 1.
Segundo engadiu o persoal responsable da Secretaría, con este sistema “búscase aproveitar as vantaxes das tecnoloxías para acadar fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados formativos satisfactorios e adaptados ás novas necesidades da sociedade”.
Cursos de galego online para o persoal de Administración
Compartir Este Artigo

