
O caso práctico da empresa con sede na Coruña, que se complementou co da tenda de camisolas Caramuxo ou a adega Terras Gauda, veu a conto porque se trata dunha firma representativa do noso tecido económico innovador (malia que a día de hoxe unha boa parte dela xa non sexa galega, aínda que os seus traballadores si), que naceu aquí e que, pese aos cambios no accionariado que sufriu ao longo destes anos, segue a apostar pola lingua propia dos seus clientes. Para dar conta destas liñas de actividade, a organización de Xeiras convidou ás xornadas a tres representantes das devanditas compañías: Óscar Reboiras da operadora R, Xoán Quintáns de Caramuxo e Iago Becerra de Terras Gauda. Os tres tiveron oportunidade de avaliar polo miúdo os seus proxectos e os seus logros de comunicación, tan dispares e á vez unidos por un nexo común: o uso da lingua. “Somos galegos e estamos orgullosos de estar aquí”, dixo Óscar Reboiras ao respecto de R, firma centrada na tecnoloxía por cable para achegar telefonía fixa, internet e televisión. Para Reboiras, “o importante é empregar o idioma con naturalidade, boa parte do éxito de R radica en que os galegos veno coma un operador propio”.
R expón na Universidade de Vigo os porqués da súa aposta polo galego
Compartir Este Artigo
