O grupo El Progreso vén de facer reconto do acadado na súa traxectoria recente nas redes da información, onde mantén as páxinas webs do xornal galego do mesmo nome (que se centra en Lugo e súa contorna), do Diario de Pontevedra, de Galiciaé, de LV De Luns a Venres, e do sitio Galicia Gastronómica. Segundo informa a compañía reflectindo datos achegados por Google, este xaneiro que vimos de deixar atrás foi o mellor da historia dos devanditos medios dixitais, achegando unhas cifras que “confirman unha evolución ascendente que se viu xa intensificada ao longo do verán pasado”. Para facérmonos unha idea clara do acadado, dicir que durante o mes de xaneiro como no mes anterior, chegáronse a rexistrar incrementos de case o 30%, tanto en número de visitas como en páxinas visitadas.
O medre máis salientable deuse no eido dos usuarios únicos. Neste eido, din fontes de El Progreso, o incremento chega a ser do 59% en relación a xaneiro de 2010. “Así, se a plataforma dixital do grupo comezou 2010 con 163.800 usuarios e 377.000 visitas (en números redondos), un ano despois as cifras respectivas son 259.700 e 485.000, as mellores marcas na historia dixital do grupo”, engade a empresa galega.
El Progreso consegue records de visitas ás súas webs
Compartir Este Artigo
