O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, vén de asinar un convenio de colaboración con Javier Núñez Baña, xerente da Fundación Sotavento, para levar a cabo cinco edicións da acción formativa Certificación Enerxética de Edificios: Aplicación de Solucións Técnicas Innovadoras, que se desenvolverán de aquí ao vindeiro 15 de setembro co obxectivo de formar a distintos axentes e colectivos na nova Normativa Enerxética Edificatoria.
Os cursos desenvolveranse na sede da devandita Fundación, sita no concello de Xermade, particularmente nas instalacións da vivenda bioclimática demostrativa de Sotavento, onde as persoas asistentes participarán en distintas actividades de formación, coñecemento e aplicación do procedemento de certificación enerxética de edificios, conforme ao novo regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios e Documento Básico de Aforro de Enerxía do Código Técnico da Edificación, para a súa aplicación no desenvolvemento do traballo diario.
O obxectivo final destas accións formativas é, segundo apuntan dende ambas entidades, “lograr, mediante esta nova Normativa, minimizar o alto custe enerxético que presenta o sector da edificación e reducir así o elevado consumo enerxético”. Con este fin, o Instituto Enerxético de Galicia, está a desenvolver, no marco do seu programa formativo para este exercicio, cursiños destinados a formar e actualizar a todos os profesionais do sector.
Estes cinco cursos terán unha duración de 20 horas cada un e versarán, entre outras cousas, sobre as posibilidades que a domótica ofrece nas vivendas; a modelización da xestión enerxética; as solucións arquitectónicas innovadoras e as ferramentas de cualificación enerxética de edificios.
A domótica, ao descuberto para os profesionais galegos
Compartir Este Artigo

