Renovar o DNI e obter a súa versión electrónica, xa o temos dito varias veces nesta web, non é tarefa doada. Sobre todo se coincide nos meses de verán, cando moita xente vese obrigada a actualizar documentos (antes de irse de vacacións ao estranxeiro, ou por volver aos seus países de orixe) e redúcese o persoal e máis o horario das oficinas de expedición. A isto hai que engadir as molestias dun proceso lento de máis para a obtención do eDNI, sexa no verán ou en calquera época do ano. Así o vén de denunciar o Bloque Nacionalista Galego perante o Congreso, a través dunha queixa da deputada Olaia Fernández Davila. Ao seu xuízo, cómpre pór en marcha as medidas precisas para axilizar a renovación do documento, que tanto na nosa terra como noutras comunidades anda a rentes dos dous meses. Así o admitiu, precisamente, o Ministerio de Interior logo do requirimento do BNG.
Asemade, recoñeceu que no caso galego déronse no ano pasado unha serie de circunstancias que repercutiron negativamente no servizo á cidadanía, circunstancias que viñeron dadas polo Xacobeo 2010 e polo feito de que moitos visitantes tiraran proveito da súa estadía na nosa terra para renovar o seu DNI ou pasaporte.
Por todos estes factores, explicou á deputada do BNG, “durante o pasado ano na Galiza o número e documentos expedidos, tanto DNI como pasaportes, experimentaron un incremento do 3% respeito ao ano anterior”. Olaia Fernández demandáralle ao Goberno unha solución ao problema do dito retraso, que non é tan estacionario como se pensa e “que afecta a moitas comisarías de Galiza, onde se tarda unha media de dous ou tres meses para obter unha cita”.
E continúa: “Está claro que xa non se trata dun problema estacional como dicía o Ministerio de Interior, senón dun problema estrutural que precisa ser solventado para dar un servizo óptimo á cidadanía”. Pola súa banda, o Ministerio de Interior fixo saber que nos últimos meses puxo en marcha unha serie de medidas para diminuír o problema, entre as que se conta a resolución da convocatoria de Emprego Público do ano 2009 pola que se incorporan antes de outubro 12 novos funcionarios.
Interior recoñece que o tempo medio de cita previa para obter o eDNI é de dous meses
Compartir Este Artigo
