Tendo en conta as horas que os menores de todo o Estado pasan perante o ordenador, non está de máis que as autoridades competentes fagan algo para fomentar o uso seguro e responsable de Internet por parte deste colectivo.
Precisamente con esta idea vén de facerse público, en Madrid, un acordo entre a Fundación Voluntarios por Madrid (iniciativa de corte social promovida polo propio Concello); Microsoft Ibérica; a Fundación BT; a Garda Civil; a entidade Protégeles e Tuenti.
Froito desta colaboración xurdiu a iniciativa de voluntariado, Te veo, ¿me ves?, dirixida a mozas e mozos estudantes, pais, nais, educadores e educadoras de tódolos centros escolares madrileños, que ten como finalidade informar e educar sobre a navegación segura en Internet, máis concretamente, nas redes sociais.
O proxecto consiste nunha serie de charlas/coloquio en distintos centros educativos da Comunidade, que serán impartidas de balde e desinteresadamente por profesionais das devanditas entidades colaboradoras.
En total, serán 30 charlas ao ano, nas que as persoas voluntarias proporcionaranlle aos mozos e mozas información e recursos de utilidade para navegar de maneira segura e responsable.
Pola súa parte, os pais e nais recibirán a información e ferramentas que precisan para mellorar a seguridade de Internet nos seus fogares e establecer regras consensuadas cos seus fillos e fillas para un uso responsable da Rede.
A presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, indicou no acto que “para que os máis mozos e mozas poidan integrarse de maneira segura e responsable na Sociedade da Información, é imprescindible que exista unha estreita colaboración entre institucións, empresas do sector, educadores e pais”. “O noso compromiso”, engadiu, “é garantir que os máis de 20 millóns de usuarios de Internet en España disfruten dos nosos servizos online con total garantía de seguridade e privacidade, proporcionando o diálogo interxeracional para fomentar un uso responsable da Rede”.
Microsoft arrima o ombreiro en Madrid para fomentar o uso responsable da Rede
Compartir Este Artigo

