Nintendo vén de confirmar que o vindeiro 4 de marzo chegarán ás tendas españolas os xogos para Nintendo DS Pokémon Edición Negra e Pokémon Edición Blanca, que estarán ambientados na nova rexión de Teselia, onde será posible coñecer a 150 novos Pokémon (como Deerling, Pasage e Drilbur) e onde tamén estará o misterioso Equipo Plasma.
Estas novas aventuras presentarán novo modos de loita, coma os Combates Triplos e os Combates Rotatorios, así como distintos xeitos de comunicarse con outros xogadores (como a comunicación por infravermellos do C-Gear, que estará integrada na tarxeta do xogo e que facilitará a conexión rápida cos amigos para loitar e intercambiar Pokémon).
O C-Gear tamén fará uso da Conexión Wi-Fi de Nintendo para conectarse ao Pokémon Global Link, mentres que coa conexión sen fíos local poderase acceder á Zona Nexos, para interactuar coas partidas doutros xogadores.
Nintendo tamén comercializará paquetes da consola Nintendo DSi con imaxes impresas de Reshiram e Zekrom e cos xogos Pokémon Edición Negra ou Pokémon Edición Blanca. Cómpre destacar que o Pokémon Reshiram só aparecerá ante o xogador en Pokémon Edición Negra, mentres que Zekrom fará o propio na Edición Blanca, coma vén sendo habitual nos xogos desta franquía (resultando este elemento fundamental para potenciar a interacción entre usuarios, que deberán baterse entre si para facerse cos Pokémon non dispoñibles na súa versión do xogo).
Os Pokémon volven á Nintendo DS en marzo
Compartir Este Artigo

