A Fundación María José Jove, entidade galega especializada na formación á nenez e aos colectivos de persoas con diversidades funcionais, vai organizar o vindeiro 12 de marzo un encontro sobre as vantaxes e os riscos que a Sociedade da Información presenta para os máis cativos. Máis polo miúdo, trátase do Foro Infancia e Novas Tecnoloxías, que vai contar coa presenza de María José Cantarino, xefa de Responsabilidade Corporativa de Telefónica, quen afondará nunha realidade que se impón, a dos menores en liña, e do que isto pode ter de beneficioso (meirande acceso ao coñecemento, formación para o día de mañá no que a uso de tecnoloxías e datos se refire) e de prexudicial (desprotección, adicción ás novas ferramentas, desleixo nos estudos, etc).
Segundo fai saber a Fundación, con esta xuntanza e outras actividades semellantes, o que se busca é satisfacer unha demanda ben concreta: a dos usuarios das iniciativas da entidade, preocupados dende hai tempo polo emprego que fan os seus fillos da Rede e das ferramentas sociais tipo Facebook ou Twitter. O foro contará tamén coa presenza de Rafael de Sábada Rodríguez, enxeñeiro de Telecomunicacións, quen se ocupará de moderar as diferentes intervencións.
A xuntanza do 12 de marzo, por certo, tamén dará acubillo a obradoiros para cativas e cativos: Buscar e atopar o agocho do meu computador (para cativas e cativos de 5 a 7 anos) e Compás para navegación informática.
A Fundación María José Jove organiza un foro sobre os riscos da nenez na Rede
Compartir Este Artigo
