Desenvolvementos de Ideaspropias para aparellos de AppleA empresa galega Ideaspropias vai participar activamente no Foro Expoformación, que se celebra este xoves e venres (3 e 4 de marzo) no recinto do Instituto Feiral de Madrid (IFEMA) de xeito paralelo á cuarta edición do Congreso Nacional de Formación Continua Bonificada. A firma con sede en Vigo, que recentemente lanzou unha aplicación para iPhone e iPod Touch que lles permite aos seus usuarios dar conta dos libros da editorial galega, acudirá á feira madrileña con espazo de exposición propio, dende o que dará a coñecer as novidades do seu catálogo 2011. Amais, terá oportunidade de informar polo miúdo, ao abeiro deste salientable foro de provedores de formación, dos vindeiros lanzamentos en manuais, libros electrónicos e desenvolvementos de aprendizaxe a distancia nos que está a traballar. Segundo informa a empresa galega máis en detalle, darase a coñecer o novo enfoque que se lle está a imprimir á modalidade de contidos e-learning, “que incorpora novos recursos, adaptándose a todo tipo de plataformas, fomentando deste xeito unha meirande universalización”. A arela de Ideaspropias é acadar con estas novidades un reforzamento educativo do alumno a través dunha meirande asimilación dos contidos. A feira abre as súas portas este xoves ás 16.30 horas e durante dúas xornadas dará acubillo a obradoiros, espazos expositivos e relatorios sobre a punta de lanza das solucións actuais en formación, e de cómo estas van estreitamente ligadas xa ao tecnoloxico-dixital.