
Trátase dun prototipo de robot que conta con tecnoloxía de última xeración e que está destinado a converterse na “nova xeración de botóns para os hoteis”, xa que desenvolverá tarefas propias destes empregados do sector hoteleiro.
O grupo de Robótica Móbil e Sistemas Intelixentes da Universidade de Vigo, que leva dous anos traballando neste innovador proxecto, habilitou a BellBot para que, entre outras cousas, acompañe aos clientes ás habitacións, transporte as súas equipaxes ou incluso se faga cargo do servizo de habitacións, actividade que poderá levar a cabo grazas á súa capacidade de interacción cos clientes.

Segundo informan dende a entidade académica, “a versión da Universidad de Valladolid (Sacarino) desenvolve máis a parte social xa que dispón dun recoñecedor de voz e programación específica de certos comportamentos sociais mentres que a viguesa se centra máis na funcionalidade e interacción con posibles elementos do edificio”.
O Novotel de Valladolid foi o centro escollido para que BellBot e Sacarino fagan as súas primeiras “prácticas”, é dicir, “onde se avaliará a calidade do servizo e a capacidade de interacción dos robots cos clientes”.
Malia que xa se leva moito camiño andado neste eido, dende as dúas entidades académicas informan que “queda moito traballo por facer no campo da robótica móbil,
sobre todo no relativo ao tempo de autonomía da batería e nos desprazamentos en superficies irregulares como escaleiras”.
A Universidade de Vigo colabora no desenvolvemento dun robot asistente para hoteis
Compartir Este Artigo

