
A editorial, proxecto encamiñado a abrir novos vieiros (temáticos e de forma) dentro do panorama literario galego, participa nesa sexta feira (venres) na segunda edición das Jornadas Galego-Portuguesas de Ediçom Independente, uns encontros a celebrar na cidade de Porto onde o selo galego falará entre outras cousas dos principios que alentan a editorial e un catálogo que xa abrangue 12 títulos: Plan de fuga, Fume/Insomnio, Manifesto contra o traballo, A revolução pendente, Suburbia, Máquina de guerra, Da revolta italiana á potencia da multitude, Outro xeito de ser, Movidas/Razóns de peso, Tres cores, Descrescimento, crise e capitalismo e Canibalismo.
“Em breve”, sinalan, “vam-se sumar Um dia da minha vida de Bobby Sands, Entre a posmodernidade e a utopía. Unha introdución ao pensamento de Fredric Jameson e Deconstrucións. Unha volta a Jacques Derrida”.
Como dixemos, Estaleiro aposta pola distribución alternativa, indo a contrapelo dos apoios públicos e apostando por unha edición a prezos reducidos, “cujo mínimo lucro esteja destinado à produçom de novos materiais e à promoçom e distribuiçom dos já publicados, renunciando autores e editores a qualquer tipo de retribuiçom económica polo seu trabalho”.
O tipo de licenza polo que apostan é Creative Commons, o que entre outras cousas quere dicir que podemos facer uso do material sempre e cando recoñezamos a autoría correspondente e non teñamos arela de lucro. Como dixemos, todo o catálogo do selo pódese descargar de balde dende a web da editorial, ou ben adquirir os libros en papel a prezos populares nas propias librarías.
Estaleiro Editora pon en descarga libre o seu catálogo
Compartir Este Artigo
